Querid@s pais: Benvidos ao blog dos máis cativos do cole. Aquí poderedes ver aos vosos fill@s en acción.
lunes, 1 de junio de 2026
jueves, 23 de abril de 2026
DÍA DO LIBRO
Os nenos e nenas de Educación Infantil celebraron con moita ilusión o Día do Libro nunha xornada moi especial chea de historias e imaxinación. Aproveitando o bo tempo, fomos ata o parque, onde as profes lles contamos o conto de "Corre, corre, Cabaciña" que escoitaron con moita atención e entusiasmo.
Despois, cada neno e nena puido escoller libremente un libro da nosa libraría de aula, elixindo aquel que máis lle gustaba. Xa co seu conto nas mans, buscaron un recuncho do parque no que se sentían a gusto.
Pasárono fenomenal e desfrutaron moitísimo da actividade, vivindo o Día do Libro dunha maneira diferente e moi divertida. Sen dúbida, foi unha experiencia moi bonita que axuda a seguir espertando o gusto pola lectura dende pequenos.
miércoles, 22 de abril de 2026
DÍA DA TERRA
O alumnado de Educación Infantil desfrutou dunha xornada moi especial coa celebración do Día da Terra. Realizamos un agradable paseo todos xuntos ata o parque das Insuas, aproveitando para observar con atención a natureza que nos rodea: as árbores, as flores, os sons e as cores da primavera.
Durante a actividade, tamén cantamos unha canción dedicada ao noso planeta, compartindo un momento cheo de alegría e unión. Esta experiencia permitiunos reflexionar sobre a importancia de coidar e respectar o medio que habitamos, aprendendo, desde pequenos, a valorar a Terra e todo o que nos ofrece.
Sen dúbida, foi unha xornada enriquecedora na que, a través da vivencia e o contacto directo coa natureza, reforzamos actitudes de respecto e coidado polo noso contorno.
viernes, 17 de abril de 2026
CONTACONTOS
Hoxe o alumnado de Educación Infantil e do primeiro ciclo de Educación Primaria gozou dun contacontos moi especial baseado na obra A pequena osa quere xogar.
Durante a actividade, os nenos e nenas mergulláronse na historia con grande entusiasmo, seguindo con atención as aventuras da protagonista e comprendendo perfectamente a mensaxe do conto. A través dunha narración próxima, dinámica e chea de emoción, puideron reflexionar sobre a importancia da igualdade e dos roles de xénero, dun xeito sinxelo e adaptado á súa idade.
O contacontos estivo acompañado de música e momentos participativos que fixeron a experiencia aínda máis enriquecedora. O alumnado non só escoitou, senón que tamén cantou, participou activamente e compartiu as súas ideas, creando un ambiente de aprendizaxe lúdico e significativo.
Sen dúbida, foi unha xornada moi especial na que todos e todas desfrutaron moitísimo, aprendendo e divertíndose ao mesmo tempo.
martes, 3 de marzo de 2026
jueves, 12 de febrero de 2026
Día das Candeas
No colexio celebramos con moita ilusión o Día das Candeas, unha xornada moi especial para todo o alumnado de Infantil. Nesta ocasión, o sacerdote achegouse á capela do centro para acompañarnos nesta celebración tan significativa.
Todos os nenos e nenas levaron as súas velas e acendéronas aos pés da Virxe María, nun momento cheo de recollemento, luz e emoción. Cantamos cancións, compartimos a experiencia con moita alegría e desfrutamos dun ambiente de festa e convivencia.
Os maiores de Infantil tiveron un papel moi especial, xa que foron os encargados de ler as preces, facéndoo con moito agarimo e responsabilidade.
Foi unha mañá moi bonita, vivida con entusiasmo e participación, que quedará no recordo de todos.
Se queredes compartir con nós este momento tan especial pincha no seguinte enlace https://youtu.be/8SELI74Ghus?feature=shared






















